Monday 29 de April de 2024

O Concello de Malpica suprime todas as actividades municipais para conter a expansión do coronavirus


  • Decretáronse unha serie de medidas preventivas para frear o avance do COVID-19.
  • Esta mañá tivo lugar a xuntanza das diferentes áreas do concello para ultimar o plan de actuación.

O Concello de Malpica cancela todas as actividades municipais, tanto deportivas como culturais, para conter a expansión do coronavirus. Esta mañá decretáronse unha serie de medidas preventivas para frear o avance do COVID- 19 na xuntanza das diferentes áreas municipais.

As presentes medidas estarán vixentes ata o día 30 de marzo como mínimo e sempre condicionadas á evolución da enfermidade:

  • Suspendidas todas as actividades municipais.
  • Pecharanse todas as instalacións municipais, a destacar a biblioteca, o pavillón, o ximnasio e os centros sociais.
  • A atención ao público nas dependencias municipais limitarase a causas de urxencia e extrema necesidade, chamando previamente ao teléfono do Concello (981 72 00 01) e tamén se poderán levar a cabo as xestións precisas a través da sede electrónica.
  • Suspendido o mercado semanal que se celebra os sábados.

Así mesmo, recoméndase á veciñanza non levar ás nenas e nenos ao parque infantil, evitar as aglomeracións, extremar as medidas de coidado e hixiene persoal, non acudir ao centro de saúde se non é urxente, recordar gardar distancia co resto de persoas na rúa e seguir as instrucións ditadas polas autoridades sanitarias.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, quixo expresar que “temos que tomar esta serie de medidas de xeito urxente para tratar de frear o que xa se estima como epidemia por parte da OMS. Con todo, estaremos en constante contacto coas entidades competentes para valorar a evolución desta situación extraordinaria”, valoraba o rexedor.